Xosé Luis Blanco Campaña xa é fillo predilecto de Camariñas

Concello de Camariñas

  • O nomeamento produciuse nunha sesión plenaria previa á inauguración da XXX Mostra do Encaixe

O Concello de Camariñas investiu este venres a Xosé Luis Blanco Campaña como fillo predilecto do municipio. O nomeamento produciuse nun pleno extraordinario previo á inauguración da XXX edición da Mostra do Encaixe de Camariñas. A sesión celebrouse por primeira vez na historia na pasarela do recinto da Mostra e tivo como único punto este destacamento, que se aprobou cos votos a favor do PSOE e dous concelleiros do PP e coa abstención doutros dous concelleiros populares. O BNG votou en contra.

«Estou orgulloso de ser de quen son e de onde son, e por iso para min é a máis alta honra poder ser fillo predilecto da miña terra», afirmou Blanco Campaña, quen destacou a Mostra do Encaixe como «un evento que nos define como sociedade e que é un espello a nivel internacional».

Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, quixo agradecer o «incansable labor de Xosé Luis durante a súa extensa e frutuosa carreira, por levar a Camariñas no corazón pero, sobre todo, por divulgar o que somos dunha maneira xenuína e intransferible».

Xosé Luis Blanco Campaña é titulado pola Escola Oficial de Xornalismo de Barcelona, e licenciado pola Facultat de Ciencias de la Comunicació de la Universidad Atónoma de Bellaterra, Barcelona. Iniciou a súa andaina profesional en EAJ-1 Radio Barcelona, onde pasou sete anos. Deixou a emisora da Cadena SER para traballar como produtor o programa Protagonistas de Luis del Olmo. Outras emisoras nas que emprestou os seus servizos foron Radio Peninsular e Radio Nacional de Barcelona, Radio Sáhara de El Aaiún (durante o servizo militar en África) e Radio Nacional na Coruña e Santiago. En 1985 fundou a Radio Galega e colaborou na posta en marcha da TVG, na que presentou programas populares.

É autor de varios libros, entre eles Prensa e radio na Galicia exterior; Camariñas, terra de palilleiras; Cento catorce cancións galegas e Historia de radio en Galicia. Tamén é autor de máis de cen cancións en galego, así como de numerosos pregóns e conferencias. Foi presidente da Asociación da Prensa da Coruña.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha