Xosé Regueira defende en Fitur as fortalezas dos xeodestinos da Coruña


O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, defendeu na Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se está a celebrar en Madrid, o bo posicionamento dos xeodestinos da Coruña para a recuperación do sector turístico despois da crise. En distintas intervencións no programa da feira, Regueira destacou a calidade dos recursos e produtos para responder ás novas demandas do turismo despois da covid.

Destinos non masificados, seguridade, calidade, paisaxe, patrimonio e mar son algúns dos eixos das novas demandas que se impoñen no sector turístico despois da pandemia e, para o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación, son tamén centrais na oferta dos seis xeodestinos da Coruña que, segundo apuntou en Fitur, “están ben xa que ofrecen recursos de especial interese para as demandas que se impoñen despois da crise sanitaria”.

“956 kms de costa e un camiño infinito” como reclamo, un territorio moi rico, con tres cidades e “produtos extraordinarios que contribuirán a dar valor á cadea do turismo e xerar riqueza, emprego e benestar”, dixo Regueira nas súas intervencións en Fitur. Anotou tamén o vicepresidente que a Deputación da Coruña traballa por un “perfil de turista consciente, interesado no territorio e sensibilizado coa sostenibilidade, responsábel, que deixe retorno pero que sexa consciente de que a nosa veciñanza é tamén importante no obxectivo da viaxe e iso é tamén o que buscamos en Fitur”.