O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reivindica o labor desenvolvido pola Deputación da Coruña nos últimos catro anos para avanzar no proceso de recuperación do Pazo de Meirás como ben público. A poucos días de que empece o xuízo que pode poñer fin ao espolio da familia Franco no pazo situado no concello de Sada, Regueira destaca que «a Deputación impulsou a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás e encargou o informe xurídico que abriu unha vía sólida para reclamar o inmóbel».
O vindeiro luns 6 de xullo comezará na Audiencia Provincial na Coruña o xuízo pola reclamación da propiedade do pazo de Meirás á familia de Francisco Franco, cumpríndose así unha das demandas da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás que se creou a instancias da Deputación da Coruña co fin de contribuír á xustificación documental e legal para a devolución do inmóbel.
«A creación da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, cos mesmos integrantes con representantes das mesmas institucións que constituíran a Xunta pro Pazo que fora unha ferramenta do franquismo, foi fundamental para avanzar no proceso que levou ao xuízo que comeza o luns e que agardamos sexa o último paso para recuperar o Pazo de Meirás como ben público», sinalou Xosé Regueira, que recoñeceu o papel desenvolvido polas representantes das institucións e entidades que formaron parte da Xunta pro Devolución e, de maneira especial, da que fora vicepresidenta, Goretti Sanmartín, que impulsara tamén accións de difusión como a produción de dúas pezas audiovisuais ou un espectáculo para denunciar o roubo e a intención de utilización do inmóbel para difusión do franquismo.
A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás non só instou aos gobernos da Xunta e o Estado a axilizar o proceso, senón que tamén encargou a dous equipos de especialistas a elaboración dun informe histórico -dirixido polo profesor da Universidade de Santiago, Emilio Grandío, que tivo na orixe a investigación de Carlos Babío e Manuel Pérez- e un informe xurídico que correu a cargo do profesor da USC, Xabier Ferreira que, segundo Regueira, «abriu as portas á liña argumental para asentar unha base sólida de reclamación do pazo, ademais de indicar que, con vistas a súa eficacia, tiña que ser o Goberno central o que iniciara accións xudiciais, como finalmente se conseguiu».
O informe que proba o espolio
«O informe xurídico demostra que houbo unha simulación de contrato para que o Pazo de Meirás aparecese como propiedade da familia Franco e ofrece probas documentais suficientes para que o xuízo conclúa coa devolución ao patrimonio público, o que sería o remate dun longo espolio e un feito de grande simbolismo para poñer fin ao franquismo», defende Xosé Regueira.
O documento elaborado polo equipo do profesor da USC, Xabier Ferreira demostra que o Pazo de Meirás foi utilizado como residencia oficial de verán do ditador, despois de ser comprado á familia da escritora Emilia Pardo Bazán en 1938, ano en que tamén se ll le ofrece en «donativo» a Francisco Franco, en calidade de xefe do Estado.
O informe conclúe que hai claros indicios de que no proceso de compra-venda polo que se inscribe no xulgado en 1941 houbo, en realidade, unha simulación total de contrato, o que abría as portas a solicitar a súa nulidade, e dirixía a mirada a que fora o Goberno central quen fixera fixese a súa reclamación, tal e como establecía a Lei do patrimonio nacional de 1940.
Segundo as probas achegadas, coa simulación contractual de 1941, o Pazo de Meirás pasou a incluírse no Rexistro de Propiedade como propiedade privada, nunha clara confusión interesada entre os planos público e privado co fin de que o ben quedase en mans da familia do ditador.
Parte do proceso
A Deputación da Coruña participará tamén no xuízo ao se recoñecer a súa condición de parte interesada, tanto no proceso do espolio como no impulso da creación da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás composta por concellos, entidades da memoria, a Real Academia Galega e as Universidades como ferramenta para reivindicar a recuperación do inmóbel á familia Franco, converténdose así en institución promotora do camiño para a recuperación xudicial despois de que saltara a luz a utilización do Pazo para facer apoloxía do fascismo por parte da Fundación Francisco Franco.
«A Deputación da Coruña dirixiuse nestes tres últimos anos en distintas ocasións ao Goberno central para que incorporase na súa axenda política a recuperación xudicial do Pazo de Meirás co aval da demostración da venda simulada tempo despois de que se fixera a doazón á Xefatura do Estado e, por esta razón, hoxe estamos especialmente felices do inicio dun xuízo histórico pola dignidade e o fin do franquismo», defende o vicepresidente Xosé Regueira.