Xunta, asociación eólica e clúster da madeira da man coa Lei de reactivación

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo reunións con representantes da Asociación Eólica de Galicia (EGA) e co Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia nas que lles trasladou as oportunidades que achega a futura Lei de reactivación para estes sectores estratéxicos, ao tempo que escoitou as achegas destas dúas entidades para enriquecer a normativa, que se encontra en fase de tramitación no Parlamento galego.

Tal e como lembrou Conde, a futura lei contribuirá a un cambio de cultura administrativa, actuando sobre dous obxectivos fundamentais: a simplificación administrativa e o apoio ao investimento. Ao mesmo tempo, busca achegar as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e medioambientais. Ademais, a proposta normativa inclúe medidas específicas que axudarán a impulsar a economía e a xerar emprego no rural, onde as enerxías renovables e a industria forestal teñen un importante peso.

Así, a futura Lei recolle o proceso simplificado para as autorizacións administrativas das instalacións eléctricas, como por exemplo os parques eólicos; achega beneficios fiscais para as iniciativas empresariais que se implanten en zonas rurais; e promove a simplificación da tramitación para a constitución e funcionamento das entidades de economía social.

Tamén se establecerá un réxime de licenzas exprés e haberá unha emisión simultánea de todos os informes sectoriais competencia da Xunta, entre outros aspectos. Recóllese tamén a posibilidade de tramitación conxunta de todos os procedementos administrativos autonómicos que poidan ser necesarios para implantar unha empresa, evitando duplicidades.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha