Xunta de Goberno Local na Laracha

Concello da Laracha.

Este mércores celebrouse unha sesión da Xunta de Goberno Local na Laracha, na que unha das cuestións máis relevantes foi a aprobación do convenio entre o Concello e a Consellería de Cultura e Turismo para renovar o compromiso de integración das bibliotecas da Laracha, Paiosaco e Caión na Rede de Bibliotecas de Galicia.

Grazas a este convenio continuarase facilitando o acceso á cultura da cidadanía compartindo os recursos dispoñibles e poñéndoos a disposición dos usuarios, sexa en formato físico a través do Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria ou en formato dixital na plataforma da Biblioteca Dixital Galega  GaliciaLe de acceso gratuíto.

O convenio terá unha vixencia de catro anos. O Concello comprométese a continuar dotando ás bibliotecas co orzamento necesario para o seu financiamento e, entre outros aspectos, participar nos programas de préstamo interbibliotecario e cooperar coa Xunta de Galicia na recuperación, conservación e dispoñibilidade pública do patrimonio bibliográfico galego. Pola súa parte, a Consellería dotará ás bibliotecas municipais larachesas do software necesario para a súa xestión, prestará apoio técnico para mellorar os servizos e promoverá a realización de accións formativas para o persoal.

Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno foi concedida a licenza urbanística para un proxecto particular que ten por finalidade a construción dunha vivenda unifamiliar na zona rural do municipio.