Xunta e Autoridade Portuaria da Coruña avalían proxectos que contribúan á transición enerxética


A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, reuniuse co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, ao que acompañou na visita ás instalacións do Porto Exterior en Punta Langosteira.

O obxectivo do encontro foi coñecer de primeira man os proxectos que a entidade ten previsto desenvolver no eido enerxético e ofrecer o máximo apoio para que o porto coruñés poida avanzar neles. De feito, Uría destacou a relevancia da colaboración institucional para captar iniciativas cara ao Porto exterior coruñés que contribúan a favorecer a transición enerxética e o desenvolvemento industrial nesta zona e subliñou o importante papel que, neste eido, desempeña a infraestrutura coruñesa, tanto como motor económico como modelo para a implantación de iniciativas pioneiras.

Así, subliñou o diálogo e o clima de entendemento entre a Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña para conseguir o apoio de fondos europeos Next Generation ás diferentes iniciativas que se queren impulsar no ámbito portuario coruñés. Estes fondos, apuntou Uría, son unha importante oportunidade para que tanto a entidade coruñesa como Galicia poidan avanzar nos retos da transición enerxética.

O presidente da Autoridade Portuaria, pola súa banda, agradeceu o apoio que vén prestando a Xunta en todos os temas vencellados ao porto coruñés, destacando a implicación tanto da directora xeral como do vicepresidente económico, Francisco Conde. Indicou que a Autoridade Portuaria está traballando en proxectos e investimentos moi relevantes, no eido do Green Port, que en moitos casos requiren tramitacións a cargo da Administración autonómica, e que “é moi importante que os empresarios e os investidores sintan en todo momento o respaldo da Xunta de Galicia”.