Xunta e Clúster de Turismo ofrecerán descontos en algúns locais de hostalería co Carné Xove


A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou co presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo González, un convenio de colaboración polo que unhas 400.000 persoas de entre 12 e 30 anos terán vantaxes na hospedaxe, na compra de produtos ou na adquisición de servizos turísticos en medio cento de hoteis, casas rurais, cámpings ou balnearios.

Trátase dunha das iniciativas postas en marcha polo Goberno galego o pasado mes de decembro para dar continuidade a este carné con tanta tradición na Comunidade e que inclúe descontos no ámbito cultural, no aloxamento, nos transportes, no comercio ou no ensino. Unhas vantaxes que son recoñecidas en toda España e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo.

Entre outras novidades, esta axuda pasará a ser gratuíta, indefinida e accesible ao 100% da xuventude galega. Así mesmo poñerase en marcha unha aplicación móbil que permitirá ter acceso a un listado de descontos e promocións xeolocalizados e ofreceranse descontos no establecementos locais adheridos á Federación Galega de Xoves Empresarios.