A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Colexio de rexistradores da propiedade prorrogan a súa colaboración para avanzar na dixitalización da información dos títulos propietarios.
A conselleira, Ángeles Vázquez, e o decano do Colexio, Hermes Rego, asinaron o convenio polo que se prorroga esta colaboración que naceu no ano 2015 e que se manterá, como mínimo, catro anos máis. Durante o momento da firma tamén estivo presente o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, Jacobo Hortas.
Segundo manifestou a conselleira, a experiencia dos últimos seis anos resultou ser moi positiva, polo que defendeu a necesidade de mantela para obter e xestionar información gráfica e alfanumérica en diferentes materias, como o urbanismo, o territorio ou o medio ambiente.
Habilitar medios electrónicos e compartir a información dun xeito dixital, ademais de facilitar unha maior eficiencia e axilidade, é unha liña de actuación para avanzar na senda dunha tramitación sostible e respectuosa co medio ambiente.
Ánxeles Vázquez destacou que este acordo ten vantaxes para os rexistradores, aos que se lles facilita o cumprimento da obrigatoriedade de proporcionar estes datos, e para a Administración galega, que obtén unha información correcta para o exercicio das súas funcións.