- A relevancia desta actuación enmárcase no obxectivo municipal de reestruturar e humanizar os principais accesos ao centro urbano.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, tiveron un encontro este xoves na capital de Bergantiños para asinar un convenio para levar a cabo as obras de humanización da avenida de Fisterra. Un compromiso por dotar á cidadanía dunhas infraestruturas viarias modernas, accesible e seguras. “Vai supoñer unha transformación integral dun viario moi importante e que facemos grazas ao esforzo conxunto de administracións”, apuntou Rueda, en relación a que será unha actuación na que colaboran tanto o Goberno Galego como o Concello. No acto tamén estivo presente a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
Nas obras vanse investir 2 millóns de euros na mellora dun tramo da AC-552 ao seu paso polo núcleo urbano para transformalo nun espazo de convivencia e desfrute da cidadanía, máis verde e sostible, polo que a Xunta achegará o 70% do custe das obras (1,4 millóns de euros) e o Concello –que asume a redacción do proxecto e a súa execución–, o 30% restante (613.000 €). O acordo tamén inclúe a cesión da titularidade deste tramo de estrada á Administración municipal.
En concreto, vaise actuar en dous tramos de case 1 km da avenida de Fisterra entre as rúas Río Anllóns e A Revolta. As actuacións buscan gañar espazos nesta travesía para os peóns con novas beirarrúas e mobiliario urbano, sendas peonís, plantación de árbores e máis zonas axardinadas. Ademais, levaranse a cabo traballos para mellorar a seguridade viaria e de humanización coma renovar o firme da calzada, dotar á zona de máis prazas de aparcamento ou a renovación dos servizos urbanos de saneamento, electricidade e comunicacións así como a instalación de novas columnas de alumeado.
Aposta polo municipio
Rueda enmarcou estas actuacións na aposta da Xunta por mellorar as comunicacións nesta vila e lembrou que o Executivo autonómico vai construír a nova variante de Carballo -que dará saída directa desde o parque empresarial ás estradas de Ordes (N-550) e Santiago (DP-1914) e reducirá o tráfico de vehículos polo casco urbano-.
Así mesmo, lembrou que esta mesma semana o Consello da Xunta deu conta da ampliación do parque empresarial de Bértoa, co comezo da tramitación do proxecto de desenvolvemento urbanístico (PDU). “Trátase do paso definitivo para a ampliar nun 51% o polígono, no cal imos facer un investimento de máis de 20 M€ para atender a demanda de instalacións industriais que existe nesta zona”, explicou.
Cabe destacar tamén que nas contas de 2026 hai reservados case 72 millóns de euros para conservar as estradas, a maior cifra da historia. Ademais, a Xunta destina 70 millóns a construír 120 novos quilómetros de sendas peonís ata 2027.