Xunta e Concello colaborarán na conmemoración do Ano Xubilar Mariano de Cee

Foto.- Xoán Crespo.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse coa alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, para coñecer a programación do concello desde maio de 2022 a maio de 2023 coa que conmemorar o Ano Xubilar da parroquia ceense de Santa María da Xunqueira. Alfonso Rueda trasladou á rexedora o apoio da Xunta a esta iniciatia, ao supoñer tamén unha oportunidade para atraer a turistas e peregrinos a Galicia no segundo ano do Xacobeo 21-22. Ao encontro tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e representantes do concello.

O Ano Xubilar Mariano de Cee, concedido polo Papa para render culto á Virxe María, comezará o vindeiro 1 de maio de 2022 coa apertura da Porta Santa e rematará o 1 de maio de 2023 coa coroación canónica da Virxe da Xunqueira polo bispo de Santiago. A Xunta colaborará nos actos que se leven a cabo neste período para divulgar o patrimonio histórico-artístico deste santuario mariano. Ao estenderse ata o primeiro trimestre de 2023, o Goberno galego celebra que este acontecemento axudará a captar turistas e peregrinos tanto en 2022, coincidindo co Xacobeo 21-22, como nos meses seguintes.

A Xunta considera que o evento axudará a poñer a Cee no mapa do turismo relixioso e a fomentar o Camiño de Fisterra-Muxía, que no que vai de ano realizaron máis de 800 peregrinos. Nesta liña, o investimento da Xunta nesta ruta xacobea ao seu paso polo concello de Cee supera os 391.000 euros en actuacións para a conservación, o acondicionamento e a mellora da sinalización. Ademais, o municipio foi beneficiario dunha axuda de máis de 13.500 euros na convocatoria deste ano para levar a cabo melloras paisaxísticas e medidas de embelecemento de bens e recursos do Camiño de Santiago.

O Goberno galego tamén apoia ao concello ceense con máis de 14.600 euros para mellorar as súas infraestruturas turísticas, no marco da liña de axudas para que poidan ofrecer a súa mellor imaxe aos visitantes.