A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña ratifican a súa colaboración para axilizar a urbanización do barrio de Xuxán, coñecido antigamente como Parque Ofimático, un ámbito cunha superficie total de preto de 350.000 m2 e un aproveitamento urbanístico de 382.313 m2.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda —a través de Xestur—, o Concello da Coruña e tamén a Asociación Parque Ofimático 2010 —integrada polas entidades e propietarios que participan no aproveitamento urbanístico do ámbito— asinarán proximamente un protocolo de colaboración, unha vez sexa autorizado esta mesma semana pola Xunta de Goberno Local e polo Consello de Administración de Xestur.
Deste xeito, o Goberno galego facilitará a execución das obras necesarias adiantando o pago correspondentes ás cotas 5ª e 6ª, que deberá xirar o Concello aos propietarios do solo unha vez licitadas (5ª cota) ou executadas (6ª cota) as actuacións. Co fin de simplificar o proceso, a empresa pública Xestur pagará por adiantado ao Concello os devanditos 3 millóns, nun prazo máximo de 45 días dende a sinatura do acordo.
Pola súa parte, o Concello comprométese a axilizar a contratación das obras de finalización da primeira etapa, informando a Xestur e á asociación do estado de tramitación e execución.
Finalmente, a Asociación Parque Ofimático 2010 comprométese a colaborar coa Administración local na elaboración e xestión das derramas que correspondan aos seus asociados e a cooperar na resolución dos conflitos que poida xurdir.