A Laracha | Supervisadas as obras de humanización de Paiosaco


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou Paiosaco para interesarse polo proxecto de humanización das rúas José Loureiro González, Xosé Neira Vilas, Álvaro Cunqueiro e dun sector viario pertencente ao campo da feira de Paiosaco, actuacións executadas no marco do Plan Hurbe.

O proxecto, que foi financiado nun 70% por parte do Goberno galego e nun 30% polo concello, consistiu na mellora das beirarrúas coa ampliación da anchura, a corrección de pendentes, a adaptación de arquetas e utilización de pavimentos pétreos antiesvarantes. Tamén se actuou na calzada coa renovación das sinalizacións horizontais e verticais e a substitución da capa de rodadura. A maiores, instalouse novo mobiliario -bancos, xardinería e papeira- e actuouse na rede de augas pluviais.