O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinaron este luns o convenio polo cal o concello cede de xeito gratuíto á Xunta de Galicia unha parcela de 1.998 metros cadrados para a construción dun edificio de promoción pública de 73 vivendas.
A conselleira salientou a colaboración cos concellos para acadar máis solos para a promoción de vivendas públicas con acordos coas administracións locais de Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vilagarcía, Ames, Lalín e A Estrada, entre outros.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que o Goberno galego “ten un firme compromiso coa veciñanza de Carballo en canto ao acceso á vivenda” e recordou que se concederon 9 axudas de máis de 120.000 € á veciñanza para a adquisición de fogares.
O alcalde agradeceu o investimento, xa que, por unha banda, vai permitir ofrecer vivenda a prezos “racionais” nun concello en constante crecemento coma o noso, ademais de revitalizar un ámbito no que tivo gran incidencia a crise inmobiliaria do 2008 e que ofrece unhas características excepcionais, dada a súa proximidade a variedade de servizos, para seguir medrando con promocións públicas e privadas.