Xunta e Concello de Oleiros urxen a conexión da vía ártabra coa AP-9

2 minutes read

A Xunta e o Concello de Oleiros coincidiron este luns na necesidade de que o Goberno de España emita o antes posible a autorización para a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 para poder retomar as obras desta infraestrutura o antes posible.

O director da Axencia Galega de Infraestrutruas, Francisco Menéndez, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, na que lle explicou os motivos que obrigan a unha suspensión temporal das obras da Vía Ártabra que está a executar a Xunta.

No encontro, Menéndez explicou a necesidade xurdida durante a execución dos traballos de retranquear unha liña de gas e outra de media tensión, o que impide actualmente o progreso físico dos traballos. No caso de dispor da autorización para executar a conexión coa AP-9, os traballos poderían retomarse centrados nese ámbito.

A pesar de que existe consenso entre o Goberno galego e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana sobre a configuración da conexión da Vía Ártabra coa AP-9, o expediente de autorización aínda non está resolto, chegando incluso a denegar o Ministerio a realización das sondaxes xeotécnicas necesarias para poder executar as obras.

Está previsto que o expediente de autorización se produza en dous pasos: un primeiro informe de conformidade xeral á execución das obras de conexión coa AP-9, tras o cal o Ministerio autorizará as sondaxes e se poderá pechar a parte construtiva para que sexa despois autorizada, incluíndo os desvíos de tráfico que serán necesarios realizar na AP-9 polas obras de conexión. Esta circunstancia impide executar nestes momentos as obras da Vía Ártabra máis próximas á AP-9.


Neste contexto, está previsto que as obras da Vía Ártabra se retomen en outono, cando as compañías dos servizos afectados realizarán os correspondentes retranqueos das liñas de gas e de media tensión.