Xunta e concello de Santiago fuman a pipa da paz

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avaliou este luns co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, os principais proxectos para que a cidade conte con máis e mellores servizos e infraestruturas para converter o Xacobeo 2021 no mellor Xacobeo celebrado nunca en Galicia.

Deste xeito, e en relación ao ano santo, un dos temas centrais da reunión, o responsable autonómico avanzou que este mes de xullo a Xunta presentará formalmente á Comisión do Xacobeo o Plan estratéxico Xacobeo 2021, que conterá as principais actividades que se realizarán.

Sobre este punto, lembrou ademais que o Executivo autonómico leva traballando ano e medio na preparación deste evento. E subliñou que: a reforma da Catedral estará rematada para ese ano; que o festival O Son do Camiño, está consolidado xa na súa segunda edición; que xa se está a acometer a integración paisaxística dos Camiños de Santiago, que renovarán a cara de todas as entradas á cidade; que o novo Centro de Acollida ao Peregrino está funcionando con normalidade; que a mellora das instalacións do Monte do Gozo estanse a finalizar; e que está comprometida a ampliación do Museo do Pobo Galego que estará lista para o 2021.

Ao longo da xuntanza, Feijóo e Sánchez Bugallo fixeron un breve repaso dalgúns aspectos relacionados coa economía e cos sectores estratéxicos da cidade. Así, logo de lembrar que Santiago ten hoxe máis oportunidades para investir, con bonificacións de solo no Polígono da Sionlla, Feijóo saudou a iniciativa do alcalde para facer un convenio fiscal que favoreza o investimento, neste parque, de novos proxectos industriais, así como o interese do Concello por axilizar as licenzas, claves para dar seguridade ás empresas que queiran instalarse.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha