Xunta e concello de Sarreaus mellorarán o illamento térmico do centro de saúde


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas Alvar, veñen de asinar un convenio no que se establecen as bases para o cofinanciamento para levar a cabo as obras de reforma que consistirán na substitución do material de cubrición da cuberta existente.

Procederase a substitución da capa de cubrición de cuberta de tella curva por un faldón de cobertura de tellas cerámicas fixadas sobre placa de microcemento e rastreles de madeira de pino que permitirá aumentar así o illamento térmico da envolvente do edificio, mellorando a impermeabilidade da cuberta e a seguridade do edificio.

O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Sarreaus contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.