Xunta e Concello urxen a construción do dique seco para reactivar o naval


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acordaron solicitar formalmente ao Ministerio de Defensa e á Sepi que se leve a cabo de xeito inmediato a construción do dique seco, así como un barco ponte que permita reactivar o naval, mentres non se pon en marcha a execución das fragatas F-110. Así mesmo, e en materia de infraestruturas, ambos coincidiron na importancia de mellorar o ferrocarril A Coruña-Ferrol, que precisa dun investimento aproximado de 150 millóns de euros. Feijóo reiterou o compromiso da Xunta coa comarca e o emprego, reflectido na posta en marcha dun Plan de formación específico para o naval galego, que permitirá chegar de novo á cifra de 5.000 traballadores formados e do que tamén se beneficiará Ferrolterra; e tamén visibilizado no apoio á transformación de Navantia nun estaleiro 4.0, con axudas á modernización e dixitalización que mobilizaron máis de 17 millóns.