Ambos impulsan unha fronte común para reclamar ante o Goberno central a xestión efectiva das competencias en materia de dominio público marítimo-terrestre. As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, mantiveron unha reunión informativa á que asistiron medio cento de representantes municipais de concellos costeiros co fin de trasladarlles a súa inquedanza ante o traspaso a Galicia das competencias sobre esta franxa do litoral, na que están asentadas preto de 4.000 edificacións pertencentes a 82 municipios. Un traspaso, engadiu Vázquez, que non require dun cambio do Estatuto, senón que se pode abordar a través dun Real Decreto ou ben dunha Lei orgánica, polo que anunciou que o Goberno galego empregará “todas as vías na súa man” para reclamar “o que é xusto para Galicia”. A conselleira do Mar, salientou que a transferencia a Galicia das competencias en materia de costas facilitaría á Comunidade a xestión do seu litoral e poñería fin a calquer tipo de ataque contra o complexo mar-industria galego e contra todas as instalacións asentadas no litoral. Rosa Quintana lembrou que moitas empresas non son viables afastadas da costa, polo que reiterou o compromiso do Executivo galego na defensa dos seus intereses e para darlles seguridade xurídica.
34