A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, mantivo un encontro co patrón maior de Corcubión, Urbano Suárez, para abordar os principais retos do sector pesqueiro na zona e facer balance das liñas de apoio da Administración autonómica.
Durante a xuntanza, púxose en valor a dimensión económica e social desta confraría, que está composta por máis de medio cento de profesionais. No ano 2025, o pósito facturou 3,2 millóns de euros coa venda de 1.717 toneladas de produto, destacando especies como a sardiña, o polbo ou o xurelo. Neste sentido, a venda de especies de cerco permitiu diversificar e consolidar a fonte de ingresos da entidade nos últimos anos.
Para apoiar este labor, a Consellería do Mar financia a asistencia técnica da confraría no marco das axudas autonómicas para reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal e garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable.
No eido das infraestruturas e dos equipamentos, a directora xeral detallou os plans previstos para este 2025. O pósito presentou dous proxectos: un para a modernización dos equipos de pesada da lonxa e outro para a mellora da súa infraestrutura interior. Ambas iniciativas suman un valor conxunto de máis de 48.000 euros e estanse a avaliar ao abeiro da última orde de axudas para equipamentos portuarios da Consellería do Mar.
Precisamente, grazas a esta mesma liña de axudas, o ano pasado puideronse executar dúas actuacións para mellorar a seguridade, as condicións de traballo e a calidade dos produtos da pesca neste centro de venda, cun investimento total superior aos 80.000 euros.