O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade. Román Rodríguez, e o presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar, visitaron as obras do Centro Galego de Innovación da FP en Ourense. Ambas entidades acaban de pechar os detalles do plan funcional deste novo centro, chamado a ser o principal espazo de referencia da nova Estratexia Galega de FP 2021-2025.
Román Rodríguez sinalou que o plan funcional vai servir para axustar os diferentes espazos do centro ás necesidades dos seis principais ámbitos de desenvolvemento do centro (realidade virtual, simulación de procesos, impresión 3D, industria 4.0, industria enerxética e biotecnoloxía) e aos piares sobre os que se está a elaborar a nova folla de ruta da FP galega, que se presentará esta primavera.
Pola súa banda, o presidente da Deputación provincial de Ourense, José Manuel Baltar, salientou que este centro ”é un proxecto estratéxico para a Deputación de Ourense, froito da capacidade de xestión desta institución para propoñer ante o goberno autonómico a súa localización en Ourense, e achegando a institución provincial máis de cinco millóns de euros para facelo realidade”.