A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) selaron o acordo marco polo que se regula a apertura das instalacións deportivas dos institutos ao seu uso por parte da cidadanía fóra do horario escolar, co que se dá cumprimento a un dos obxectivos recollidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, no que se aposta por centros educativos máis flexibles e abertos, cun maior peso da súa función social e como axentes de avance e progreso da comunidade.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e mailo presidente da Fegamp, Alberto Varela, asinaron o documento polo que a partir de agora se rexerán as condicións de uso destes espazos. Ademais, tal e como anunciou o conselleiro, o Goberno galego vén de abrir un concurso de ideas para o deseño tipo das pistas multideporte e dos patios cubertos que se vaian construír a partir de agora.