Xunta e Fegamp acordan avanzar na reactivación do sector da construción


A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acordaron este luns avanzar nos trámites administrativos relacionados coa construción, co obxectivo de facilitar que o sector se poida reactivar en canto se levanten as restricións derivadas da emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19.

Este é o acordo ao que chegaron ambas as administracións no marco dunha videoconferencia que mantiveron este luns a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, na que participaron representantes do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e da Federación Galega da Construción.

A Fegamp atendeu a petición trasladada pola Xunta de elaborar unhas recomendacións para os concellos que permita avanzar na tramitación dos procedementos municipais relacionados coas obras, como é o caso das licenzas ou autorizacións.

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Ethel Vázquez asegurou que o Goberno galego dispón dos medios e da vontade para, a través do teletraballo, avanzar nos trámites dependentes da adminisración autonómica. Polo que, apostou por que, tamén nas administracións locais se continúe coa tramitación dos procedementos relacionados coa construción e as obras públicas.

Vázquez Mourelle, que estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e pola directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, subliñou que o obxectivo é que unha vez se suspendan as restricións, o sector da construción se reactive canto antes, evitando que siga parado varias semanas agardando a que os papeis e os trámites necesarios se movan nas administracións.

O Goberno galego vén mantendo contacto permanente desde que comezou esta situación, polo que coñece as preocupacións do sector, tanto no inmediato, que afecta á súa liquidez, como polas perspectivas de futuro, e as consecuencias desta paralización administrativa.