Xunta e FEGAMP asinan un acordo en materia de prestación de varios servizos sanitarios


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en representación da Xunta, asinou co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela Paz, un convenio de colaboración en materia de prestación de servizos de atención sanitaria referidos aos trastornos adictivos.

Neste acto, o conselleiro de Sanidade avanzoulle ao presidente da FEGAMP, que o importe dos orzamentos da Xunta do vindeiro ano elevarán, por riba dos 4 millóns de euros, as transferencias do Executivo galego ás entidades locais para atención ás drogodependencias.

O convenio asinado está dirixido ao financiamento e desenvolvemento de programas de axudas para unidades asistenciais de drogodependencias, a través dos concellos que dispoñan delas, atendendo á planificación, criterios, guías, programas e procedementos establecidos polo Sergas no circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia.

Esta planificación permite mellorar a atención das persoas con trastornos adictivos, garantindo un acceso equitativo á asistencia en toda a comunidade, e coordinando, de xeito efectivo, a atención prestada nos dispositivos de atención ás drogodependencias con servizos de atención primaria e de saúde mental. Tamén posibilita establecer unhas directrices comúns para todos os centros galegos en materia de drogodependencias.