A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, no que abordaron propostas para a mellora da Rede de Centros de Información á Muller (CIM) que pasan polo reforzo da formación do seu persoal e do mapa de recursos dispoñible.
Ambas as dúas institucións perfilaron medidas para impulsar e garantir unha formación especializada e continuada a todas as profesionais dos CIM, co obxectivo de brindar a mellor das atencións ás mulleres usuarias e traballar na prevención da violencia de xénero e o asesoramento ás súas vítimas.
Aumentar a cobertura dos centros a todo o territorio é outros dos obxectivos xunto co de dinamizar as mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, órganos nos que se sentan en cada municipio as principais entidades educativas, sanitarias, policiais e sociais para combater este problema estrutural, reforzar a prevención e canalizar os recursos ao dispor das mulleres vítimas.