Xunta e Forzas de Seguridade acordan extremar a vixilancia das normas sanitarias no Nadal


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron unha reunión por videoconferencia cos xefes das policías locais das principais cidades galegas, así como os mandos autonómicos da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica, onde acordaron extremar a vixilancia no cumprimento das normas sanitarias nestes días de Nadal e abordar a coordinación dos dispositivos entre as distintas forzas e corpos de seguridade.

Os axentes vixiarán especialmente que se respecte a obrigatoriedade do uso da máscara e a distancia de seguridade, xunto co resto de medidas vixentes nos distintos ámbitos, para frear o avance do virus, tendo en conta que a actual evolución da incidencia en Galicia esixe ter moita máis precaución, evitando aglomeracións e limitando os riscos.
Perante uns días que se prevén moitos desprazamentos e na que tradicionalmente se celebran moitas xuntanzas en Galicia, as autoridades e os mandos policiais recordan a necesidade de seguir respectando as restricións ás que obriga a situación sanitaria pola covid-19. Polo tanto, tal e como se acordou no encontro, os axentes controlarán que os establecementos abertos ao público cumpran as normas vixentes e que non se celebren botellóns, que están prohibidos e levan aparellados sancións.
Tamén comprobarán que profesionais e usuarios están a respectar a obrigatoriedade de amosar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- nos distintos sectores para os que se se aprobou a súa exhibición.