Xunta e Gestán presentan ao alumnado de Innovatech FP un reto para a valorización de residuos

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou as instalacións da empresa Gestán Medioambiental, en Arteixo, xunto con estudantes procedentes de centros de toda Galicia participantes na terceira edición de Innovatech FP. O obxectivo foi coñecer de primeira man o reto proposto por esta compañía no marco deste certame, baixo o nome Solucións circulares para a valorización de residuos complexos.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a importancia destas visitas a empresas como oportunidades de aprendizaxe activa e contacto directo coas necesidades da industria galega. Puxo, ademais, en valor o programa Innovatech FP como “un exemplo de como a Formación Profesional pode responder aos desafíos do presente e do futuro, involucrando ao alumnado en solucións útiles para a sociedade e para o tecido produtivo”.

Esta actividade marca o primeiro contacto directo entre o alumnado participante e o equipo técnico de Gestán para afondar nos detalles do desafío e resolver cuestións clave para o desenvolvemento das súas solucións. O reto proposto céntrase na valorización de residuos complexos –como plásticos multicapa ou mesturas non homoxéneas– mediante a súa transformación en novos produtos ou aplicacións industriais, contribuíndo á economía circular e á redución do impacto ambiental. Esta é,  ademais, a segunda edición consecutiva na que Gestán participa como empresa colaboradora, reforzando así o seu compromiso coa innovación e coa FP galega.

Participan na resolución deste reto estudantes dos centros integrados de FP Ánxel Casal-Monte Alto (A Coruña), Someso (A Coruña), Politécnico (Santiago de Compostela), Porta da Auga (Ribadeo) e A Xunqueira (Pontevedra).

Visitas técnicas e formación

Innovatech FP é un programa da Xunta de Galicia para impulsar a conexión entre a FP galega e o tecido produtivo mediante a resolución de desafíos tecnolóxicos e ambientais reais. Nesta terceira edición implica máis de 1.000 estudantes, organizados en máis de 250 equipos de centros educativos de toda Galicia.

Related posts

Presentadas máis de 150 alegacións ao proxecto de ampliación de Repsol no porto exterior de Langosteira

Cine, teatro e contacontos: a programación cultural de Cerceda para o mes de xaneiro

A Deputación da Coruña impulsa a creación da Compañía Teatral Galega de Bos Aires