A Xunta de Galicia e o Goberno central veñen de acordar conxuntamente o aprazamento estratéxico do último paso na presentación da candidatura do paisaxe cultural da Ribeira Sacra ao Comité do Patrimonio Mundial. Trátase dunha decisión conxunta e consensuada que permitirá fornecer aínda máis candidatura atendendo ás avaliacións e os informes de Icomos, organismo asesor da Unesco no trámite de avaliación das candidaturas. Así o anunciaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, tras unha reunión mantida en París.
Ao remate do encontro, o responsable de Cultura da Xunta de Galicia explicou que esta decisión “é unha oportunidade para fortalecer e seguir mellorando aspectos que nos permitan acreditar con toda a forza os valores excepcionais da Ribeira Sacra” para impulsar, aínda con máis garantías, a súa inclusión na lista de Patrimonio Mundial. “Acadar o máximo recoñecemento da Unesco é -precisou- un proceso esixente, polo que os técnicos do Ministerio e da Consellería de Cultura continuarán traballando conxuntamente para estar na fase final no prazo de tempo máis breve posible”.