A Xunta de Galicia e as principais entidades representativas do sector da construción na Comunidade acaban de poñer en marcha un novo grupo de traballo para o impulso do uso de materiais reciclados en proxectos de obras públicas, un obxectivo que se enmarca na estratexia do Goberno autonómico por converter os residuos en novos recursos e alongar así a súa vida útil.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou este martes en Santiago na reunión constitutiva deste organismo, no que ademais de representantes doutros departamentos autonómicos —a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas e a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa— tamén participan membros da Fundación Galicia Constrúe, da Fundación Laboral da Construción e da Federación Galega da Construción.
Durante a súa intervención, a responsable autonómica explicou que o obxectivo principal co que nace esta iniciativa é impulsar a aplicación práctica no sector público de áridos reciclados procedentes de residuos da construción e da demolición e de materiais bituminosos (betúns e alcatráns) recuperados tamén das obras, buscando sempre as máximas garantías desde o punto de vista técnico, ambiental e administrativo.
Para avanzar nesta dirección, o grupo de traballo encargarase de definir os instrumentos necesarios para pasar da valorización destes materiais ao seu uso efectivo en proxectos públicos, pregos de condicións e contratos. De feito, a primeira proposta para o grupo de traballo constituído hoxe é avanzar na creación dunha matriz galega de usos que relacione cada tipo de material reciclado co resto de información necesaria para poder utilizalo na execución dunha obra pública. É dicir, para que usos específicos poden empregarse con seguridade xurídica, que garantías e requisitos deben cumprir ou como se deben acreditarse, contratarse e posteriormente recepcionarse na propia obra.
A partir desta matriz, segundo explicou a conselleira, poderán elaborarse diferentes instrumentos de implantación como poden ser unha guía ou instrución a nivel autonómico, modelos de cláusulas para proxectos e pregos administrativos ou a posta en marcha de experiencias piloto, entre outros.
Como punto de partida, o grupo de traballo tomará como base os datos de xestión destes residuos existentes en Galicia, estudará os novos produtos elaborados a partir de materiais reciclados e os sectores con posibles aplicacións. Adicionalmente, tamén se buscará a información técnica dispoñible sobre a caracterización ambiental dos áridos reciclados e o asfalto recuperado do Centro de Estudos e Experimentación de Obras, organismo cuxos traballos poderían servir de apoio técnico ao grupo.
A Consellería, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, asumirá a coordinación xeral dos traballos, que se organizarán en función das competencias de cada un dos implicados. Deste xeito, a AXI achegará a visión da obra pública nas súas distintas fases, GAIN apoiará os ensaios, innovación e identificación das solucións que precisen algún proxecto piloto, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas porá o foco na perspectiva industrial ao tempo que promoverá o uso do material reciclado nas canteiras, a Xunta Consultiva revisará o encaixe en proxectos, pregos e contratos públicos e o sector contrastará a viabilidade real e a capacidade de subministración, os custos, o transporte e as barreiras prácticas de implantación.
Por último e tras explicar que esta iniciativa xurdiu o pasado mes de abril a raíz dunha xuntanza que mantivo co sector para estudar vías de colaboración na xestión sostible dos residuos procedentes da construción, a conselleira rematou confiando en que a constitución deste grupo permita presentar unha “liña de traballo seria, prudente e útil” que ofreza un método a seguir para que os materiais reciclados que cumpran certos requisitos poidan incorporarse á obra pública, con seguridade e sen improvisacións.
