A Consellería de Emprego e Igualdade e a Universidade da Coruña colaborarán na realización dun proxecto de xeración de coñecemento sobre as necesidades de formación no mercado laboral, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia. Esta conxunción materializarase no deseño de itinerarios específicos para cualificar ás e aos profesionais do futuro con atención ás conclusións do Estudo de Tecnoloxías Emerxentes que a Xunta vén de presentar co obxectivo de impulsar o emprego de calidade e transformalo nos diferentes sectores.
O convenio estará dotado con 57.776 euros con cargo aos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Grazas ao mesmo poñerase en valor o coñecemento dos equipos docentes que integran a Universidade da Coruña así como a súa capacidade investigadora e divulgativa para elaborar os programas formativos que permitirán mellorar a competitividade do tecido produtivo galego.
As propostas formativas enviaranse ao Servizo Público de Emprego Estatal, órgano competente para a súa aprobación e inclusión no Catálogo de especialidades formativas de formación profesional para o emprego.
O convenio nace do recente desenvolvemento do Estudo de Tecnoloxías Emerxentes elaborado pola Xunta, no que se analizaron 15 sectores económicos estratéxicos e xeradores de emprego en Galicia e 14 tecnoloxías emerxentes. A análise vén de identificar o impacto que as mesmas terán na transformación dos postos de traballo, algúns en risco de desaparecer se non se adecúa a formación.
46