O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; presentaron no Pazo de Fonseca a nova Cátedra Institucional de Vida Saudable, na que ambas institucións colaborarán na procura de xerar evidencia científica e desenvolver investigación sobre a promoción da saúde, constituíndo un foro para a execución de actividades docentes, académicas e investigadoras na especialización en hábitos de vida saudable e o envellecemento activo.
O primeiro obxectivo desta cátedra, reflectido no convenio de colaboración responde a un dos obxectivos establecidos no Plan de Obesidade Zero da Xunta de Galicia 2022-2030, o de crear unha rede de investigación en promoción da saúde en Galicia e establecer, a través dela, un sistema de avaliación que permita coñecer o impacto real das actuacións para previr a obesidade. A meta deste Plan é reducir o sobrepeso da poboación galega nun 15% no ano 2030.