A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión co vicerreitor de Planificación e Sostibilidade e coa directora da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo, José Luis Míguez e Delfina Couce, respectivamente, na que estudaron a elaboración dun plan de refuxios climáticos en Galicia.
Durante o encontro, coincidiron na importancia de dotar á Comunidade dunha rede do que se coñece como “illas de frío”, que son espazos sinalizados, ben distribuídos e gratuítos que contan con refrixeración e aire acondicionado nos que a cidadanía se poida refuxiar en días de temperaturas excesivas. A iniciativa, que xa puxeron en marcha en cidades europeas como París ou Barcelona, consiste na apertura ao público, as 24 horas do día, de centros educativos, ambulatorios, bibliotecas, polideportivos, sedes municipais ou parques para protexer aos máis vulnerables das olas de calor.
Ademais, na reunión os representantes da Universidade explicáronlle á vicepresidenta segunda o Plan Suvi, cuxo obxectivo é mellorar a eficiencia enerxética e reducir a pegada de carbono da Universidade de Vigo. Esta iniciativa desenvolve accións en pro da sostibilidade, a través da instalación de xeotermia no campus de Ourense, de biomasa no de Pontevedra e de enerxía fotovoltaica nos edificios de todos os campus.