A Consellería de Sanidade e a Universidade de Vigo continúan a desenvolver a Rede Galega de Aerobioloxía, co obxectivo de monotorizar os niveis dos principais tipos polínicos alergóxenos da atmosfera das principais cidades galegas.
Neste senso, durante a mañá hoxe, a subdirectora xeral de Programa de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato Naveiras, e o catedrático da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo, realizaron unha toma de mostras nun dos 5 captadores de partículas de pole cos que conta a comunidade galega, neste caso, no emprazado na contorna da Escola Técnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago (USC).
A Rede Galega de Aerobioloxía botou a andar no ano 1988 e, desde o ano 2016, conta coa colaboración da Consellería de Sanidade. Así dispón dunha serie de captadores de control aerobiolóxico que permiten a elaboración de mapas, informes e predicións do contido polínico atmosférico na Comunidade Autónoma Galega. Deste xeito, e coincidindo cos meses de maior incidencia alerxénica -entre os meses de marzo e agosto- levaranse a cabo medicións en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, co obxecto de predecir que acontecerá na seguinte semana.