A Xunta e a Universidade de Santiago (USC) afondarán na súa colaboración en materia investigadora para potenciar todo o relacionado coa Dieta Atlántica e as súas sinerxías cos produtos agroalimentarios galegos. Así o decidiron o conselleiro do Medio Rural, José González, e o reitor da USC, Antonio López.
No encontro púxose de manifesto o interese de ambas partes por impulsar liñas de cooperación no eido da I+D+i vinculadas á Dieta Atlántica, que se fundamenta, entre outras características, no consumo de alimentos frescos e de proximidade, así como na abundancia de alimentos procedentes de vexetais, sen esquecer o aporte nutritivo dos peixes e mariscos, os lácteos ou as carnes.
Son, pois, unhas características que coinciden plenamente con diferentes vías de traballo nas que actúa o Goberno galego, a través do impulso á excelencia alimentaria, ás canles curtas de comercialización e aos produtos de calidade diferenciada, é dicir, aqueles amparados con indicación xeográfica protexida, denominación de orixe, procedentes de razas autóctonas ou distinguidos con marcas como o leite de Galega 100%, entre outros.