Xunta, Estado e administración local coordínanse na loita contra o lume

1 minutes read

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou na constitución da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña deste ano 2021 que estará operativa desde o 1 de xullo ata o próximo 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais. O obxectivo desta reunión é o deseño de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delituosa incendiaria.

Na reunión tamén participaron membros da Xefatura Territorial de Medio Rural, representantes da Subdelegación do Goberno, da Deputación Provincial, da FEGAMP, e responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil.

No transcurso da reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña, así como a competencia que terá cada un deles a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2021. Ademais avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción.