Xunta, Goberno central e concellos coordinarán este Nadal o labor das forzas e corpos de seguridade

1 minutes read
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, xunto co vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantén unha reunión de coordinación co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e con representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, mandos da Policía Local de Galicia e Protección Civil. Sala Eisenman, Santiago de Compostela,

A Xunta, a Delegación do Goberno de Galicia e a Federación Galega de Municipios de Provincias (Fegamp) participaron nunha reunión para coordinar o labor dos máis de 11.000 efectivos das distintas forzas e corpos de seguridade nos días centrais do Nadal, durante os que se reforzarán os controis.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu esta xuntanza, na que tamén participaron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; e o presidente da Fegamp, Alberto Varela. Ademais, na reunión tamén estiveron presentes o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, o xeneral xefe da Garda Civil, o comisario da Policía Autonómica, os máximos responsables das policías locais das grandes cidades; así como representantes das agrupacións de voluntarios de Protección Civil. Por videoconferencia participaron a maioría dos xefes dos corpos de policías locais de Galicia, así como membros do comité clínico para explicar a situación sanitaria.

Declaracións do vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda.

O obxectivo do encontro foi coordinar os esforzos para os días centrais de Nadal, especialmente tendo en conta que se van permitir os desprazamentos na totalidade dos concellos entre o 23 e o 25. A raíz desta maior mobilidade, prevese que tamén aumente o número de persoas que acoden aos establecementos de hostalería, centros comerciais ou rúas. Por iso, e tendo en conta que non haberá controis dos peches perimetrais, durante estes días reforzaranse nestes lugares os controis de afluencia para evitar aglomeracións