A Xunta oponse á nova normativa do Goberno central sobre os horarios na hostalería e o ocio nocturno e o límite das reunións. Polo tanto, se o Executivo estatal non retira as medidas, que todo indica que o vai facer, o Goberno galego presentará un recurso ante o Tribunal Constitucional, ao considerar que o texto invade competencias das comunidades autónomas.
Así llo trasladaron o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, a representantes do sector da hostalería e do ocio nocturno, aos que informaron da posición que a Asesoría Xurídica da Xunta xa ten avanzada.
Incide en que, ademais de invadir competencias das autonomías, a nova norma estatal publicada o pasado sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE) esixe uns horarios ríxidos ata acadar a inmunidade sen ter en conta a evolución da situación epidemiolóxica en cada territorio.
Deste xeito, de manterse esta normativa sen unha aplicación flexible en función dos datos de cada comunidade, no caso de Galicia o Goberno central estaría a bloquear durante meses o avance na desescalada gradual e prudente que se está a levar a cabo ata agora no marco das reunións semanais do comité clínico e, sempre segundo a evolución epidemiolóxica en cada momento.
Nesta liña, a norma do Goberno central tampouco posibilitaría ampliar ao 75% a capacidade do interior dos establecementos do sector da hostalería como estaba previsto se a comunidade galega continuaba mellorando os seus índices.
A Xunta espera que na reunión do mércores do Consello Interterritorial entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, o Executivo central rectifique e permita a posibilidade de axustar as medidas á situación de cada autonomía.