Xunta, SEA e Concello analizan os pasos a seguir para a ampliación do polígono da Laracha

1 minutes read

A Xunta de Galicia, o organismo Solo Empresarial do Atlántico (SEA) e o Concello da Laracha avanzarán cada un desde o ámbito das súas respectivas competencias co obxectivo de poder comezar o vindeiro ano coa ampliación do actual parque empresarial do municipio.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, acompañados polo director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e outros representantes municipais, analizaron este mércores os pasos a seguir para impulsar a incorporación dun novo ámbito ao polígono, iniciativa que obedece á consolidación desta área industrial e ás necesidades de implantación de novas empresas no municipio.

Neste sentido cómpre subliñar a implicación e o apoio da Xunta ao proxecto de ampliación do parque larachés desde o primeiro momento. Así, tal e como subliñou a conselleira, o Goberno galego aprobou en 2021 a modificación do proxecto sectorial do parque para flexibilizar e axilizar a implantación de empresas a través, por exemplo, da regulación das alturas máximas das edificacións en determinadas ordenanzas e ao admitir e regular o usos de instalacións de enerxía renovable para o autoconsumo.

Así mesmo, a ampliación do polígono da Laracha tamén está incluída na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) que tramita o Instituto Galego da Vivenda e Solo e actualmente está en fase de información pública.

Ata o momento, a conselleira indicou que non se recibiron alegacións con relación a esta área empresarial —o prazo finaliza o 16 de novembro— e avanzou que a previsión da Xunta é poder aprobar de forma definitiva o novo PSOAEG a vindeira primavera.