Preocupante situación na que se encontran as comarcas da Costa da Morte en incidencia directa por coronavirus, de ahí a xuntanza telemática programada entre a Consellería de Sanidade e diferentes alcaldes e alcaldesas da zona, Ponteceso, Malpica, Cabana, Coristanco, Carballo, Vimianzo, Camariñas, Laracha, Laxe e Zas, a que tamén asistiu o Secretario Xeral da Consellería de Sanidade e o xerente da área sanitaria A Coruña-Cee, e que tivo lugar a primeira hora da mañá deste xoves. Coa información concreta encima da mesa por concellos, os últimos datos oficiais ás 11 da mañá deste xoves eran os seguintes:
Carballo pasou de 52 a 126 casos nunha semana, entre os que se atopa un xogador do Bergantiños FC, que permanece illado no seu domicilio. Coristanco de 15 a 39; Malpica, de 52 a 68; Ponteceso, de 23 a 53; Laxe, de 22 a 35; Zas, de 17 a 23; Camariñas, de 15 a 28, e Cabana, de 17 a 50. Vimianzo baixa un caso, pero continua en cotas moi elevadas, con 138 casos activos. En situación esperanzadora atópase A Laracha que baixa de 18 a tan só dous casos positivos por coronavirus.
Primeiras valoracións dalgúns dos alcaldes participantes na xuntanza coa Consellería de Sanidade
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, agradeceu á Xunta, en especial ao doutor Luis Verde, a disposición e trato “co noso concello durante estes quince días”. Novamente, fíxose especial fincapé na necesidade de “obter información máis detallada e instrucións máis selectivas para que nós poidamos actuar, por exemplo, realizando desinfeccións nos espazos e lugares máis sensibles, e onde se observa unha maior incidencia do virus”, argumentaba Mónica Rodríguez. A alcaldesa, quere mandar ánimos especialmente “ás persoas afectadas polo coronavirus no noso municipio, e ás súas familias. Necesitamos continuar seguindo estritamente as recomendacións para volver á “normalidade” o antes posible”, apunta.
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, agradeceulle a realización do cribado masivo deste sábado, pero incidiu na necesidade da realización destas probas a outros colectivos, como nos centros educativos ou ás persoas que traballan de cara ao público.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, agradeceu o rastreo que se fixo na Industria Cerdeimar xa que “supuxo un respiro que non xurdiran demasiados casos nese cribado”. Manifestou tamén a súa relativa tranquilidade “ao ser dos municipios menos afectados á vista dos datos, baixando de 32 a 28 positivos e sabemos que hai contaxiados que pronto se darán de alta”. De tódolos xeitos solicita á veciñanza “que sexan cautos, que cumpran as normas actuais e tamén as posibles novas medidas que esixa a Xunta despois deste comité clínico”.
A impresión do alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, e que “con toda probabilidade o comité clínico da Consellería de Sanidade decida aplicar a todo ou parte dos concellos en vermello de Bergantiños as medidas de peche da hostalería, confinamento perimetral dentro da bisbarra e reunións con só convivintes”.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, insistiu na relevancia de que os concellos dispoñan de datos actualizados a diario, tanto porque é unha demanda constante da poboación como pola importancia de atender coa maior celeridade as necesidades que poidan xurdir en cada momento. O xerente da Área Sanitaria A Coruña-Cee, Luis Verde Remeseiro, indicou que se ofrecerá máis información. Evencio Ferrero cualificou como “altamente preocupante” a tendencia á alza que se está a rexistrar tanto no concello carballés coma no resto da comarca, agás A Laracha. Ademais do incremento de casos activos, nas comarcas de Bergantiños e Soneira hai dende onte 12 novos hospitalizados, polo que o alcalde considera como “moi probable que se tomen medidas especiais nestas comarcas”.
O xoves que vén terá lugar unha nova xuntanza telemática para coñecer novamente a evolución da situación actual en cada municipio, e os pasos a seguir para tratar de reverter a situación canto antes.