Xuntanza da Deputación cos representantes dos entes de xestión supramunicipais

1 minutes read

A área de Turismo da Deputación da Coruña, dirixida polo tamén vicepresidente, Xosé Regueira, mantivo unha xuntanza con representantes dos entes de xestión supramunicipais para poñer en común as novas estratexias e avanzar nas liñas de comunicación conxunta para a promoción turística dos distintos xeodestinos da provincia. A aposta pola calidade e seguridade ademais do turismo de proximidade e o avance na dixitalización son algúns dos eixos do novo horizonte do sector.

Responsábeis de catorce entes de xestión que son os beneficiarios do programa de subvencións para a mellora de calidade, competitividade e actividades turísticas da Deputación da Coruña avanzaron na xuntanza as principais liñas de actuación para este ano, nas que se atopan distintas iniciativas encamiñadas a facer fronte á crise xerada polo coronavirus que afectou de maneira directa ao sector.

Os entes adiantaron as novas iniciativas dos seus programas como a dixitalización e adaptación e espazos como a creación dun autocine no caso de Arousa Norte que presentará a súa nova imaxe en breve,; o turismo activo mediante rutas de sendeirismo e a potenciación do surf na Mancomunidade de Ferrol, a aposta polo mar e a natureza da Costa da Morte, as rutas de o turismo industrial da Ría de Muros-Noia ou o destaque da artesanía do encaixe e un recurso como é o Cabo Vilán na Asociación de Camariñas.

O deputado de Turismo, Xosé Regueira sinalou que “Traballar man a man cos entes de xestión para a promoción dos distintos xeodestinos é un dos principais obxectivos da área de Turismo da Deputación da Coruña e, ademais do máis de un millón de euros que destinamos á liña de axudas queremos poñer en común as distintas liñas de actuación e promover sinerxías de promoción e comunicación conxuntas”.