Xuntanza de traballo de Ethel Vázquez co alcalde de Laxe

1 minutes read

Ethel Vázquez e José Luis Pérez Añón abordaron o proxecto da nova depuradora de Serantes. A Xunta redactou o proxecto correspondente a esta actuación, ao que destinou máis de 16.000 euros. Actualmente, segundo lle confirmou a conselleira ao alcalde, estase a ultimar a supervisión do proxecto. Unha vez aprobado, a Xunta remitirallo ao Concello, algo que se agarda en cuestión de semanas.

Ademais falaron dos traballos das sendas de Soesto e de Serantes, que se iniciarán o vindeiro mes, e que consisten na execución de algo máis de 1,3 quilómetros de itinerarios peonís ao longo da antiga traza da estrada autonómica AC-433 para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños e unha mobilidade máis segura e sostible entre estes núcleos.

A senda do núcleo de Soesto executarase pola marxe esquerda da estrada e conectará os lugares do Rueiro e Castrelo, ao longo de 600 metros, coincidindo co treito máis urbanizado e tamén o que empregan os veciños para ir á praia de Soesto.

O itinerario de Serantes terá unha lonxitude de algo máis de 700 metros e executarase pola marxe dereita e permitirá unha conexión peonil segura coa igrexa de Santa María de Serantes e o cemiterio.

De cara a reforzar a seguridade e favorecer os desprazamentos dos veciños, a titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén se comprometeu co alcalde a executar neste ano as obras de mellora do firme na estrada AC-434. Segundo explicou Ethel Vázquez, actuarase ao longo de 2 quilómetros para renovar o firme, actualmente moi deteriorado, cun investimento da Xunta de arredor de 200.000 euros.