Xuntanza para coordinar a seguridade dos concertos de “O son do Camiño-Perseidas”


O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva, e o xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, mantiveron un encontro coa directiva da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Coruña para coordinar o dispositivo de seguridade que se vai poñer en marcha para a celebración de O Son do Camiño-Perseidas.

A coordinación entre os corpos de seguridade forma parte dos dispositivos habituais de eventos deste tipo, pero nesta edición especial do festival faise máis necesaria que nunca para garantir que se cumpran todas as medidas estipuladas por mor da pandemia.

Deste xeito, no encontro, no que participaron tamén representantes da organización do festival, preparouse o dispositivo que se despregará do 14 de xullo ao 8 de agosto con motivo dun evento no que se prevé a asistencia de milleiros de persoas e no que a ocupación dos recintos e o desenvolvemento dos eventos estarán supeditados ás normas estipuladas pola Xunta atendendo sempre ás recomendacións do comité clínico.

En coordinación cos corpos e forzas de seguridade, controlaranse os fluxos de entrada no Monte do Gozo, pero tamén os aforos e o cumprimento das medidas de seguridade no interior, para o que se habilitarán postos de mando no recinto en función dos concertos programados e do público asistente.