Dezaoito asociados dos case 30 cos que conta a entidade reuníronse este domingo de forma telemática para reprogramar e dar continuidade ás súas actividades, pero agora adaptadas á situación sanitaria que nos toca vivir debido á pandemia xerada pola Covid-19.
A entidade está formada por empresas e particulares de diferentes sectores ( wimax, foto-vídeo, electricidade, antenistas, técnicos electrónicos, metalistas, prensa, informáticos, frio industrial, enxeñería etc) e serán moitos máis en breve, dado que acordaron unir lazos con outras dúas asociacións con fins comúns, unha de Carballo e outra da Coruña.
Ramón Blanco, que exerceu como secretario da reunión, encargarase dos trámites necesarios para coordinar sinerxias entre as tres entidades coas súas respectivas directivas. Acordaron incorporar ao traballo novas actividades como servizos da internet e audiovisual. “A reunión celebrada o día de San Francisco de Sales foi unha coincidencia, unímonos á celebración cos xornalistas presentes nun brinde virtual”.
Pola súa banda o Tesoureiro, Antonio Rodríguez, dixo “Trataremos de ser máis fortes e estar máis unidos, sobre todo nos sectores tecnolóxicos nos cales a maioría dos socios movémonos, tanto de fronte ao mercado laboral como á xestión de calquera tipo de trámite que afecte ao seu día a día ante as diferentes administracións”. Sobre a mesa para o seu inmediato trato púxose o fallo do sinal de televisión en Corme, Ponteceso.