Xuntos Carballo acusa ao Concello de incumprir a lei de protección animal

1 minutes read
  • Pide que se amplíe ou constrúa unha nova canceira municipal xa que na actual sempre están saturados

Xuntos Carballo por un mundo máis xusto acusou este venres ao Concello de incumprir a lei de protección animal. Esta reclamación chega despois de que unha persoa atopase un can abandonado nun lugar da parroquia de Rus e o tivese que levar á protectora ‘Amigos de los perros de Carballo’ xa que, segundo lle comunicou Policía Local, non recollían cans por «estar saturados».

O líder da formación, Xesús Deus Gende, sinala que esta situación non cambiou ao longo dos anos e piden «urxentemente» unha solución como a ampliación da canceira municipal ou a construción dunha nova. Ideas, destaca Gende, que van en contra dunhas declaracións realizadas polo rexedor de Carballo, Evencio Ferrero, o 13 de setembro do ano 2018 afirmando que «Non podemos gastar máis nos cans que nas persoas maiores ou nos nenos, que en becas ou en servizos sociais».

Sen embargo, o motivo desta afirmación sucedeuse despois de que a empresa prestataria do servizo de canceira no municipio bergantiñán destacase que edificar unhas instalacións que cubriran as demandas polo entonces actuais custaría arredor de 270.000 euros.

As protectoras demandan máis axuda

Por outra banda, Xuntos Carballo contactou con ‘Amigos de los perros de Carballo’, situada en Bértoa, para coñecer a súa situación. Desde a entidade aseguran ter demasiado traballo e agradecen as aportacións de particulares e empresas xa que son o seu salvavidas. Ademais, fan un chamamento aos amantes dos animais para darlles unha man.