- No proxecto contémplase o derrubamento de tres edificacións e a expropiación de seis fincas
O secretario local da agrupación municipalista Xuntos Carballo, Xesús Deus Gende, achegouse ata Pedra do Sal, na parroquia de Baldaio, para escoitar as reclamacións de varias familias que se senten «impotentes» ante as expropiacións que se acometerán «forzosamente» para levar a cabo o Plan especial de Pedra do Sal.
As queixas dalgúns veciños refírense a que, se ben o proxecto foi «vendido» como unha futura zona verde, este agochaba unha «letra pequena perigosa». No proxecto contémplase o derrubamento de tres edificacións e a expropiación de seis fincas, algo que as familias afectadas din que «non se axusta á realidade».
Estas persoas sinalan que intentaron chegar a un acordo co Concello «como lles consta que fixeron con outros veciños», aseguran desde Xuntos Carballo, pero a Administración local tan só lles indicou que deberían agardar ata o periodo de alegacións despois da súa aprobación. «Mesmo lle chegamos a propoñer que lle dabamos 20 metros ao longo das fincas, e nin sequera nos tiveron en conta», sinala unha das damnificadas. Outra veciña comenta que existe unha «certa dose de favoritismo» porque existen casas con ordes de derrubamento que se legalizan mentres que as «nosas queren guindalas».
Xuntos Carballo afirma que seguirá ao lado das vítimas porque o «desfrute da zona duns non poden ser os choros doutros».