Xuntos Carballo denuncia o “deixamento” do Concello na limpeza da maleza

1 minutes read
  • O prazo voluntario para limpar as fincas remata este luns, 31 de maio

A agrupación municipal Xuntos Carballo denuncia o “incumprimento reiterativo de propietarios e Concello en canto á limpeza de maleza e especies arbóreas”. Co verán ás portas, desde a formación lembran que as fincas e masas forestais representan un perigo real de lume, podendo poñer en risco vivendas, alpendres, persoas e tamén a flora e fauna. A data voluntaria para a limpeza remata o 31 deste mes, se ben “non fai falla ser adiviño para ver que non se vai cumprir coa normativa na data estipulada”.

O voceiro de Xuntos Carballo, Xesús Deus Gende, recalcou que en agosto do 2020 presentaran un escrito no Concello “demandando actuacións urxentes para o cumprimento” desta normativa; estendendo a petición durante decembro do mesmo ano e tamén en marzo do 2021, poñendo en coñecemento das autoridades “unha boa morea de casos que non cumprian coas normas autonómicas”.

Desde a formación afirman que “o nivel de pasotismo e o deixamento por parte do Concello e máis que evidente, tendo en conta que moitas destas fincas están en núcleo urbano e moi preto das vivendas”. Ademais, incidiron na problemática poñendo como exemplo o recente caso dun grupo de mozos que “tentaron prender lume nunha zona da rúa Ecuador” chea de maleza.