O secretario da formación Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, Xesús Deus Gende, acudiu ao lugar da alta de Entrecruces, para verificar a queixa veciñal que dende alí lle chegou. Unha mala cobertura da telefonía móbil xunto con un ADSL de moi baixa calidade, dificulta enormemente a comunicación nesta zona da parroquia.
«Transmítennos igualmente, que os estudantes na época máis forte da pandemia, tiveron numerosos problemas co seguimiento das clases, precisamente polo problema descrito».
En datas recentes, a formación política deu a coñecer numerosas queixas nesta parroquia carballesa, á que se xunta agora unha nova demanda, que deixa ver o esquecemento ao que está sometida esta zona do rural.
Constatase tamén a necesidade dunha revisión profunda en canto a calidade das comunicacións, en moitos lugares do Concello. «Que teñamos coñecemento existen problemas graves na Chamusqueira situada na parroquia de Lema, Castelo na parroquia de Vilela e agora na alta de Entrecruces, aínda que de seguro haberá moitos máis núcleos de poboación afetados».
A formación pide aos gobernantes locais que medien diante das compañías telefónicas para que fagan unha revisión das antenas, e na medida do posible «rematen con esta vergoña que tanto dano fai á cidadanía destas aldeas e lugares».
