Xuntos Carballo denuncia descordinación na xestión da pandemia no ensino

1 minutes read

Desde a formación afirman que o procedemento e protocolo de actuación ante a confirmación dun caso positivo de Covid nos distintos centros de educación non se están a resolver da mesma forma. «Aínda que se traten de expedientes iguais e do mesmo centro, a inexistencia de uniformidade de criterio no procedemento a seguir ante un caso, fai que o alumnado, as súas familias e o centro estean á expensas do criterio da persoa que colla o teléfono sendo estes criterios moi dispares.»

«A falta de criterio uniforme xera, no ámbito familiar, nerviosismo por non saberen se lles van facer PCR ou non, problemas de organización intrafamiliar por descoñeceren cando vai ser a reincorporación dos seus fillos/as, etc. No ámbito educativo, conleva a que o alumnado non vai saber se poderá facer traballos, exercicios e exames en aula (cos compañeiros) ou se a súa realización vai ser telemática. Isto tamén repercute no seu profesorado, tendo que duplicar  instrumentos de avaliación (presenciais e telemáticos) ao descoñeceren se vai ter ao alumnado en aula ou non».

Por todo isto, a agrupación municipalista Xuntos Carballo solicita á Consellería de Sanidade «Uniformidade no procedemento a seguir nos casos con igual expediente. Que a información entre os equipos covid e Sanidade-Educación sexa «bidireccional», que os equipos covid teñan acceso á información do resultado das PCRs e do momento da reincorporación do seu alumnado. Ademais de transparencia na comunicación, deixando claras cales son as competencias do centro educativo e cales as de sanidade», conclúen.