Xuntos Carballo denuncia o incumprimento da Lei de Montes en Santa Mariña, Razo

Xuntos Carballo

  • Trátase dunha parcela con eucaliptos moi próxima a unha vivenda

Membros da formación municipalista ‘Xuntos Carballo por un mundo máis xusto’ desprazáronse ata o lugar de Santa Mariña, na parroquia de Razo, para dar voz a un veciño que se sinte «esquecido por parte das administracións» debido á cantidade de eucaliptos que se atopan moi próximos á súa vivenda se ben a Lei 7/2012 de Montes de Galicia establece que debe existir unha distancia de polo 50 metros entre as casas e as especies arbóreas pirófitas, aquelas que arden con máis facilidade.

Desde Xuntos Carballo afirman que a finca «infractora» ten unha plantación de eucaliptos a uns cinco metros da vivenda, poñendo en risco a vivenda en varias situacións como no caso de que se produza un lume, ou cos temporais de vento e chuvias, que arrastran pólas e follas ao tellado ou a diferentes parte da estrutura. A persoa afectada sinala que xa presentou varias solicitudes ante a administración local, coñecedora da situación e deste incumprimento da norma sen mostrar solución.

Por outra banda, a entidade tamén denunciou outro problema relacionado cun castiñeiro duns trinta anos situado nunha finca en Ardaña. O veciño en cuestión recibiu unha notificación do consistorio para cortar a árbore. Neste caso, nin o propietario do terreo nin Xuntos Carballo entenden o motivo desta petición cando o castiñeiro non está catalogado como unha árbore invasiva ou pirófita.

Xuntos Carballo