Xuntos Carballo faise eco das protestas dos veciños polos problemas co ingreso mínimo vital

PIXABAY

  • A agrupación asegura que hai persoas que presentaron a documentación fai meses e que, a día de hoxe, seguen sen unha resolución

A formación local Xuntos Carballo, a través do seu voceiro Xesús Deus Gende, vén de recoller o malestar «coa tardanza nas resolucións e comunicación do ingreso mínimo vital, así como doutras axudas estatais ou autonómicas» que lle transmite a veciñanza de Carballo. Gende sinala que as familias que presentaron «a documentación fai catro ou máis meses seguen a día de hoxe sen recibir resolución algunha»; facendo fincapé nas «dificultades» dos usuarios para poder contactar con servizos sociais de cara a informarse das axudas dispoñibles que «chegan tarde, mal e arrastro».

Xuntos Carballo tamén reclama que «non se teña feito unha reforma das ordenanzas municipais para que os recibos do lixo, impostos de circulación ou IBI deran un respiro á veciñanza e autónomos»; mentres que as autoridades locais ou estatais «se adican a anunciar proxectos de centos de miles de euros, xogos de poder e demais parafernalia a pesar de ter a súa nómina intacta».

A formación considera que «a dignidade das persoas ten que estar sempre por encima de calquera outra cousa» e que estado, o goberno autonómico e os concellos «son os que teñen que loitar para que as persoas teñan os servizos básicos garantidos».