Xuntos Carballo M J recolle novas reivindicacións veciñais en Rus e Carballo


O secretario xeral de Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto Xesús Deus Gende, desprazouse ata a Alta de Rus acompañado do responsable de zona Tobías Santos Aldao para recoller o que cualifican de «indignación da vecinanza» en varias cuestións. A primeira refírese á escaseza de contedores de lixo que dificulta que os residuos se depositen correctamente, dado que a recollida é unha vez por semana, cando non son máis os días que transcorren ata o seu baleirado. Con tan só un recipiente, este non ten capacidade suficiente para atender a un bo número de vivendas. Igualmente os veciños fan referencia á falta de limpeza dos contedores, que segundo transmiten levan máis dun ano sen lavar e producen cheiros desagradables. Así mesmo seguen esperando a que se dote de máis puntos de luz pública, que non fai moito afirman que «os mandatarios pregoaron», pero que a día de hoxe non chegaron a esta parte do Concello (nin a outros moitos). Na mesma parroquia no lugar de O Val, seguen esperando por unha solución para utilizar o lavadoiro e a pista que une Ramil con Calvos, en bastante mal estado.

Xa en Carballo, na avenida de Malpica pregúntanse que pasou coas árbores que se plantaron non fai moito, que sen saber a razón concreta faltan dos seus lugares, permanecendo iso si, as irregularidades no terreo. »Vemos cada día como se gastan cantidades inmensas de diñeiro público en actuacións que ben poderían agardar, en beneficio de problemas moito máis urxentes. Asistimos incrédulos a como se fala de miles ou centos de miles de euros coma se fose solto, mentres moitas familias pasan auténticas penurias para chegar a fin de mes. Desde logo a empatía brilla pola súa ausencia no actual goberno municipal», sinala Xesús Deus Gende.